Así que chegaba o Nadal e non tiñamos colexio, ibamos aos coellos pola neve. So colliamos frío nos pés, e aos coellos viámolos ao lonxe escaparen de nós aos brincos. Mexabamos na neve derreténdoa e facendo un burato nela; xogabamos a nos tirar pelotos uns aos outros ou faciamos un boneco de neve e poñiámoslle unha gaita de pau e uns penedos coma se foran os collós, e veña a rir e rir. Logo voltabamos cada un á súa casa. Eu púñame ao pé do lume a me quecer tantiño.
—¡Neno, que te vas encher de moufas, fuxe de aí, escapa!
—Teño frío nos pés.
E quitaba as katiuskas, e, sentado no escano, puña os pés nun tallo a quecer mentras cunha man sacaba os mocos do nariz e facía pelotiñas que despois tiaraba ás brasas. Pola tarde era cando poñiamo-lo Nacemento.








